27 ene 2011

Giniel De Villiers, ¡¡Ese gran piloto!!


Quero felicitar a David Vidal pola claridade e a precisión da súa entrada invitando a participar neste blog a tódolos alumnos do centro. E quero facelo aquí, no canto de facelo en comentarios, para que todos o poidan ver á primeira, sen necesidade sequera de picar o enlace. A necesidade xa é miña, de darlle os parabéns a David e mais ós outros alumnos que sosteñen, da maneira que sexa, este sitio da rede.

¿E que ten que ver isto cos pilotos de rallyes?

Pois nada. O de Giniel De Villiers vén agora.

Probablemente moitos de vós saibades que Carlos Sainz gañou o setembro pasado, por 2ª vez, o Rallye da Seda, disputado en Moscova. ¿Como faría para gañarlle a semellante piloto?

Ollade aquí un extracto da noticia da axencia EFE, publicada por La Voz de Galicia naqueles días (tradúzoo ó galego):

"O piloto español Carlos Sainz (Volkswagen Touareg) mantense líder no Rallye Internacional Ruta da Seda (...) Sainz, acompañado do copiloto Lucas Cruz, clasificouse na segunda posición por detrás do surafricano Giniel De Villiers, quen completou en 2 minutos e 14 segundos os 617 quilómetros de percorrido entre as localidades rusas de Vyazma e Lipetsk" ¡¡Vaia máquina!!

Perdoade esta entrada tan informal ó lado das de David e de Begoña (moi coidada, sobre Cunqueiro). É consecuencia da miña teima de arquivalo todo.

"Curiosidades" coma esta teño gardadas varias de diferentes xornais. Se cadra outro día interrómpovos con outra.

Ata máis ver

25 ene 2011

Comezamos a traballar














Comezamos a "subir" cousas ao noso blog sobre o autor a quen se dedican as Letras Galegas este curso 2010-2011: Lois Pereiro, o poeta "punk", como moitas veces se lle chamou.
E por fin Manuel Grueiro fixo o seu grafitti!
Que vos parece?

21 ene 2011

Algo sobre Cunqueiro



Como este ano é o centenario do seu nacemento, contámosvos algo sobre el e DESPOIS TRABALLAREDES VÓS.
Cunqueiro foi un xenio da fabulación, precursor do realismo máxico, defensor da nosa lingua, retratista xenial de moitos personaxes tradicionais e unha dos voces poéticas e narrativas máis destacadas da nosa literatura.

Cunqueiro é coñecido por unha filosofía vital de home conversador, de verba e risa fácil, contador de historias e de fantasía desbordante.

Naceu en Mondoñedo, no ano 1911 e alí está a súa estatua hoxe en día, sentado na praza da Catedral.

Os seus inicios na literatura viñeron dados pola poesía. Antes da Guerra Civil, o creador de Mondoñedo xa tiña publicados tres libros de poemas en galego, obras intensas como Mar ao Norde (Santiago, 1932), Poemas do si e do non (Lugo, 1933) e Cantiga nova que se chama ribeira (Santiago, 1933), inspirado este último no estilo, nas formas e nos temas dos trobadores da Galicia medieval, dentro dunha vangarda que os de 4º ESO estades estudando nestes momentos... (Vai un positivo para quen nos comentarios desta entrada acerte co nome dese "ismo poético").

Despois da Guerra Civil, coma sempre, a vida dos autores galegos vai dar un cambio fundamental. Cunqueiro comeza a empregar o castelán xunto co galego como vehículo de literatura. Co castelán como arma gaña o premio Nadal en 1968 con Un hombre que se parecía a Orestes, unha das súas obras máis coñecidas a nivel español, ou Viajes y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca.

A súa obra en galego é interesantísima: iniciouse na narrativa con Merlín e familia (Vigo, 1955) á que seguirán As crónicas do Sochantre ou a exótica Si o vello Simbad volvese ás illas.

É un escritor de mitos: continuamente a súa obra remite ós vellos libros de cabaleirías da época medieval, ás lendas artúricas e do Santo Grial...

10 ene 2011

Opinión

O galeblog é un espazo virtual do departamento de Lingua e Literatura galega do noso cole no que se tratan diversos temas relacionados coa nosa lingua, cultura e literatura galegas. Neste blog os alumnos e alumnas podemos deixar os nosos comentarios relacionados coas entradas ou senón tamén podemos crear as nosas propias entradas sobre as charlas, conferencias, saídas ... que facemos habitualmente no cole ou sobre temas do noso interese.
Por favor, animádevos a visitarnos, a escribir e a deixar comentarios!
David Vidal, 4º A ESO.