8 mar 2013

Letras galegas maio 2013


                                                                Debuxo de Serxio Laxe
Nado en Santiago de Compostela, o 31 de xuño de 1950 e falecido na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi actor e autor de teatro galego. Fundou o grupo de Teatro Antroido en 1974. Con ese grupo acudiu ás mostras de teatro Abrente (Ribadavia) onde se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo.
Cultivou ademais da dramática, o audiovisual, realizando guións para a TVG e a TVE, con traballos como “Malos tratos” ou “Morosos varios”.
Tamén levou á pantalla relatos de grandes escritores galegos do século XX, como Ánxel Fole (“Cara de Lúa”)e Eduardo Blanco Amor (“O Noxo”).
Fixo de actor nalgunhas películas como Sempre Xonxa e en series televisivas como Mareas vivas.
En 1991 creou a compañía Teatro do aquí que dirixiu ata o seu pasamento.
Eu son un home. . . un señor maior con sombreiro e bigote que, de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións hoxe en día máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas.

Obras:
Laudamuco,señor Ningures
Bailadela da morte ditosa
Agasallo de sombras
Cochos
Días sen gloria
Saxo tenor
As actas escuras



26 feb 2013

Rosalía

Pásannos este Glogster sobre Rosalía, para celebrar o seu día (24-2).

29 abr 2012

8 abr 2012

PARA RIR UN POUCO


Cando veñen, veñen...


Un domingo, por fin!! O único que podo dicir que fixen foi durmir. Só iso. Levo toda unha semana traballando para os de Fenosa e para que aínda por enríba me suban a luz. É dicir, que traballo para eles e eles a cambio fanme pagarlles máis, coma se quixesen que pagase por traballar. Era boa, ho...!!
Xa é noite, as 22:30, mañá traballo, outra vez...
Ás 7:00 levántome, prepárome e vou ata a parada do autobús. Ao chegar alí, voume sentar e dime unha señora:
-Oes? Aí séntase o meu neto.
-Pero, oia, señora, se o seu neto está xogando por aí...
-Xa, pero cando se canse ha de sentar.
Daquela eu xa me mosqueei un pouco. O que non cadrou foi que cando chega o bus, (aparte de que o neno non se sentou alí), subo, miro pola ventá e a señora aínda seguía alí sentada! É dicir, que con todos os bancos que hai no parque, vaise sentar na parada do autobús e aínda por riba pra non subir?
Ao baixar do autobús, catro pasos despois, o meu pé esquerdo aterrou nun zurullo. Moitos din que é boa sorte, pero pra min significa cheirar a retrete toda a mañá.
Imaxina: eu, pola Coruña, arrastrando o pé pra limpalo.
Cheguei á oficina. Traballei toda a mañá coma un burro pra chegar á casa e comer espaguettis fríos.
Entón chega o segundo asalto. Ás 16:30 da tarde, volvín ao traballo. Cando acabei de cubrir os papeis que me correspondían, recollín e marchei.
No camiño á casa pasou ó meu carón un home feliz que andaba asubiando, (pra xente que queda feliz coma el hai pouca...). Quedei un pouco asombrado co home e sen mirar por donde ía, choquei cunha bici que viña polo menos a 20km/h. O home preocupouse máis pola sua bici que polo meu pé, que estaba sangrando. considerablemente. Como se non pasara nada, ao cabo duns segundos o ciclista continuou e eu alí, tirado no chan. Por casualidade pasaron dous médicos por aló e un dixo:
-Imos ver... O pé esta sangrando pero un pouquiño de betadine e curocromo...
E di o outro:
-Que dis, ho? Isto necesita un xeso...
E eu alí tirado...
-Pero queredes facer algo dunha vez...!!

Huber Tenreiro Leiras

ALGÚNS RELATOS


Tamén dedicamos ben tempo a crear historias


INTERNO

Comeza outro día. O primeiro que escoito: o despertador. Parece mentira que un instrumento tan simple como pode ser un reloxo que fai ruído cando as agullas chegan a unha posición anteriormente marcada, poida facer tanto dano e entristecer tanto a unha persoa coma me pasaba a min. Que a máquina soara co mesmo son tódolos días significaba que aínda seguía alí metido, nese internado. Desde o ano 2004 levo aquí pechado, sen poder saír pola miña conta. Non podo xogar con nenos da miña idade, porque son algo tímido. Ademais, non teño tempo porque aquí, antes de rematar unha cousa xa tes que estar comezando a seguinte. Vestinme e prepareime para ir tomar o almorzo.
Outro día máis comendo as noxentas torradas que preparan as cociñeiras; por non falar do leite que nos dan a beber, que parece que leva caducado máis dunha semana. Pero ninguén se pode queixar, e menos eu, que segundo Susan (a directora), só son un neno pequeno sen esperanzas nin soños.
As clases pasaron bastante rápidas hoxe, especialmente a de ciencias naturais, algo atípico para min. Quizais sería porque o profesor non se daba conta de que ninguén estaba facendo os deberes, excepto Carla, a nena máis aplicada da clase.
Despois de cinco horas estudando, chegou a hora da comida. Hoxe, como tódolos mércores, había lentellas de primeiro e puré de xudías e cabaza de principal. Coma sempre, o postre estaba restrinxido, Gustaríame que algún día puxeran algunha lambetada, pero eu só son un neno pequeno.
Cando acabei de comer, fun ao meu cuarto facer os deberes. A tristeza invadíame. Ao meu compañeiro, Tomás, adoptárono hai dous días. Parece mentira que un sentimento tan simple coma a trsiteza poida manipularte de tal forma que che obrigue a quedarte no teu cuarto sen facer nada para coñecer xente ou calquera outra cousa que a un neno da miña idade lle gustaría facer. Os nenos maiores contáronme unha historia dun neno que se volvera bipolar. Din que un rapaz chamado Luis tiña medo de saír do su cuarto. Estivo tres semanas pechado no dormitorio porque lle dixeron que saía dun monstro o ía comer. Luis non comía, non bebía... O seu corpo non aturou esas situacións e ao final morreu. A primeira vez que mo contaron pensei en como o medo pode controlar a unha persoa e facer que esta a “obedeza”. Ao principio pensei que era un conto verdadeiro, pero despois deime conta de que era todo unha mentira para asustarnos.
Cando xa estaba terminando os deberes, chegou Susan.
-Ven comigo. Pero primeiro peitéate un pouco e pon outra camisa máis elegante.
- Pero, ¿que pasa?
-Ti apura. Espero que che guste o que che teño preparado.
O primeiro que me pasou pola cabeza foi a idea de que a directora me ía presentar ao meu compañeiro de cuarto novo. A idea sorprendeume bastante. Pero a verdadeira sorpresa foi que Susan tiña preparada unha entrevista para min. A alegría invadiu o meu corpo.
Despois de media hora de conversación, a parella decidiu adoptarme. ¡Que ilusión me fixo! Todas as entrevistas que fixera saíran mal. Ninguén me quería por ser estranxeiro. Ninguén quería na casa a un neno coreano. Pero despois de moitos, encontrara a unha familia na que encaixaba.
Un mes despois, xa estaba todo preparado para a miña partida. Os últimos días antes de irme eu estaba que non podía comigo de felicidade impaciencia.
Chegou o día. O 27 de agosto era cando meus “pais” me ían adoptar. Despedinme de todos os do internado e marchei.
Cando cheguei á casa, ensináronme o meu cuarto. Era unha habitación escura e fría que non me gustaba, pero sabía que ao final me acabaría convencendo.
Era domingo. Debía prepararme porque o seguinte día tiña que comezar o colexio. Tiña moitas ganas de ir a un novo centro no que puidera relacionarme con xente nova.
Ao día seguinte todo cambiou. Levábame ben con todos os profesores, pero parecía que aos nenos non lles gustaba. No recreo, uníronse todos e pegáronme. Deixáronme cun ollo morado e o outro azul. Por enriba, os pais adoptivos non eran como eu esperaba. Cando cheguei a casa, eles estaban comendo.
-¿Onde está meu cuarto?- preguntei.
-Prepárate ti o que queiras -dixo Sonia-. Nós non che vamos preparar nada.
Coma non tiña opción , collín un puco de queixo e membrillo. Non mo podía crer. Sonia e Diego foron moi amables comigo nas entrevistas. Despois de comer, sen ningunha razón, Diego pegoume no ollo que xa me deran pola mañá.
-Das noxo, coreano.
Fun correndo á miña habitación. Collín o teléfono e chamei ao internado.
-Susan, quero volver. Estes pais péganme e trátanme mal. Quero volver alí.
-Agora non podes volver. Non será tan malo, tranquilo.
Colguei o teléfono.
Dez meses despois, xa non aguantaba máis. No colexio, pegábanme, na casa, pegábanme. Entón, decidín fuxir. Collín un pouco de comida e roupa. Ía volver ao internado. Pero perdinme. Non sabía onde ir, e decidín dirixirme a un comedor social. Alí dábanme de comer todolos días. Non tiña a ninguén. Non sei como puiden pensar que alguén me pode querer. Só son un neno poequeno e por riba coreano.
Levaba dous meses só, pedindo diñeiro e durmindo nas rúas.
Pero o 27 de agosto todo cambiou. Unha muller duns trinta anos preguntoume de onde era e por que estaba nesa situación. Conteille todo e deille moita pena. Díxome que fora á súa casa. Era preciosa. Era un piso nun edificio moi alto na Coruña. Á muller gusteille e despois de dicirllo aos seus pais e ao seu marido, decidiu acollerme con ela.
Parece mentira como pode cambiar a vida dunha persoa nun ano. Agora levo tres anos con Laura e a súa familia. Penso que este é o meu fogar e que sempre tiven que estar aquí.

Helena Fernández Vales

Picando aquí podedes ler outros relatos que nos fixeron suar.

ALGÚNS POEMAS


Velaquí unha proba do noso esforzo na creación poética


Amor perdido

Un día,
de choiva e treboada,
coñecinte a ti,
cun sorriso na cara.

Gustábasme moito,
mais non o sabías,
e cando me falabas,
moitos nervios sentía.

Pero agora marchas,
deixándome aquí,
co corazón roto,
sen nada que che dicir.

Xa non teño nada,
polo que estar feliz;
se ti non estás,
non teño nada polo que vivir.

Entón buscareite,
ata o fin do mundo,
sen parar de pensar
en cal será o meu rumbo.

Alejandro Vázquez Fachal

E algúns poemas máis, que vos animamos a ler.

14 mar 2012

Valentín Paz Andrade como escritor


A obra de Valentín Paz-Andrade é ampla en extensión: Poesía, narrativa, ensaios e multitude de colaboracións en numerosos medios de comunicación. Unhas das súas facetas máis destacadas era a de poeta e a de xornalista.

Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán ata 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Bos Aires) e o galego desde entón. Respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito, e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985). Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia, como A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982).

Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921); Pranto matricial (1954), na que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), na que canta á paisaxe e á xente galega, ademais de ao exilio e ao amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), obra na que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.

Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e nos xornais “El País e “La Vanguardia” con artigos económicos e políticos.



Biografía

BIOGRAFÍA DE PAZ ANDRADE
Valentín Paz Andrade naceu en Lérez, Pontevedra o 23 de Abril de 1898 e morreu o 19 de Maio de 1987. Foi licenciado en dereito, na universidade de Santiago.
A súa arbore xenealóxico é a seguinte :


En 1917 fixo as primeiras colaboracións xornalísticas en "La Correspondencia Gallega" e en "Alma Galaica", de Pontevedra. Fai o servizo militar en Pontevedra e despois destinárono como soldado de cota á fronte de África, onde escribe artigos para "El Noroeste" da Coruña. En 1922 sae o primeiro número do xornal "Galicia", de Vigo, do que é redactor xefe. En agosto convértese no seu director. No 1924 publicou uns artigos que o fan ir ao cárcere por 15 días. En decembro de 1925 o gobernador civil de Pontevedra ordea a suspensión dese xornal. En 1931 apróbase a candidatura galeguista por Pontevedra ás Eleccións Constituíntes Republicanas, na que quedan: 1º, Castelao, 2º, Valentín Paz-Andrade e 3º, Ramón Cabanillas. En 1936 foi desterrado a Verín, onde vai sufrir un atentado. Despois foi desterrado e en 1957 ingresa no cárcere onde permanece trinta días pola publicación dunha noticia de catro liñas no número do 15 de setembro de 1956 en "Industrias Pesqueras" na que contaba que un Comandante militar de Mariña de Vigo cesara no cargo. Sae ao ano seguinte. En1960 fúndase Pescanova S. A., en Vigo, e é nomeado vicepresidente. Nese mesmo ano, colabora con "La Voz de Galicia". En 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega. En toda a súa carreira como político fixo e asistiu a moitos mitins e conferencias.




7 mar 2012

Letras Galegas 2012


Hola a todos! Benvidos ás letras galegas 2012!!!

Este ano o protagonista é Valentín Paz Andrade, un home aínda non moi coñecido por todos nós, pero non vos preocupedes que nesta temporada a nosa marabillosa Bego encargounos aos alumnos de 4ºA a laboriosa tarefa de investigar sobre este autor. 

Aínda que pensedes que isto é ''un rollo'', estades equivocados porque é igual ou máis entretido que buscar a biografía de Justin Bieber na Wikipedia. 


Bueno, empezaremos coa biografía do autor, e iremos poñendo un pouco o que fixo durante a súa vida, como por exemplo, o seu labor político, o seu traballo como escritor e tamén algunhas fotos. 


Esperamos que vos guste moito o resultado do noso traballo e, por suposto, que aprendades algo deste descoñecido!!


Un saúdo!

27 ene 2012

Os nosos seres mitolóxicos

Aquí tedes os seres da mitoloxía galega, debuxados e descritos polo alumnado de 3º ESO B e 4º ESO A. Esperamos que vos gusten.
http://www.divshare.com/download/16663527-a1b

6 ene 2012

Morreu Isaac Díaz Pardo

Colgantes de Sargadelos


Isaac Díaz Pardo


O día de onte, 5 de xaneiro ás 8,30 h. da mañá, morreu o intelectual galeguista Díaz Pardo, creador do laboratorio de formas de Sargadelos, aos 91 anos. Díaz Pardo tamén foi empresario, escritor, ceramista, editor, diseñador... unha figura esencial na cultura de Galicia.





19 nov 2011

A nosa mitoloxía

O alumnado de 4º A e 3º B está a traballar cos nosos seres míticos: os xacios, as sereas, o trasno, o home do saco, as meigas, Marimanta, Maruxaina, o lambirón, o apalpador, o home das bubas...



Tamén estamos a traballar con Cunqueiro, xa sabedes que é o ano del. Así que pronto veredes unha exposición da súa obra e todos os traballos que imos facendo ao seu redor: cartas ao máis alá, receitario de cociña, o mago Merlín, apócemas e xaropes variados...

6 nov 2011

Unha montaxe sinxela da Festa da Palabra deste curso que rematou
Para os que non asistiron aínda a ningunha das oito edicións, podemos informalos de que se trata dunha mostra da palabra que abrangue narración, recitado, dramatización, canción... Este ano celebrámola baixo o título Galego no sangue.

10 ago 2011

Perigos de cortar-pegar

Esta entrada ten como único obxectivo espertar un sorriso, tan necesario na actualidade. Como todo está tan mal..., sorrir aínda segue saíndo de balde.
Traduzo un fragmento dunha noticia da sección de CULTURA de La Voz de Galicia, do pasado 22 de xullo.

Antonio Piñeiro gaña o García Barros cunha novela sobre o século XIX


(...) A voz principal dunha nena conta os sentimentos e condicións dun grupo de mulleres traballadoras en tempos revolucionarios da Primeira República. A obra será publicada pola primeira República editorial Galaxia a remates de ano, coincidindo coa entrega do premio.

15 jun 2011

LETRAS GALEGAS 2012

Xa sabemos a quen vai estar dedicado este curso o día das Letras Galegas, 17 de maio. O autor que será homenaxeado é:


VALENTÍN PAZ ANDRADE


Xa podedes ir investigando!

6 jun 2011

Camiño da felicidade


Onte pola noite, tumbeime na miña cama e púxenme a pensar nunha cousa: os ricos, os que gozan de máis privilexios e cartos... Son máis felices? Pois para sabelo e sacarme de dúbidas, inventei este relato breve, no cal explica moi ben que non é máis feliz quen ten máis, senón quen fai o que quere e goza facéndoo.

Elena Anido Fanego

2 jun 2011






Estes versos son especiais,
porque na clase fíxenos sen máis.


POMBAS
Teño cinco pombiñas brancas,
cinco alegrías na casa.
Elas son o meu tesouro.
Se ti viñeses á casa,
sentirías moito asombro.
Na miña casa as pombiñas
teñen moito que facer:
darlle alegría ao meu cuarto
e axudarme a durmir ben.

Mª Fernanda Morales Lopera

29 may 2011

Historia dun can desafortunado



Vendo as circunstancias que se están a dar en Xapón despois do maremoto e a situación en que está todo, vinme obrigada a escribir este relato, un conto que intenta avisar e previr antes de que sexa demasiado tarde para contribuír na reconstrución das casas, rescatar animais, axudar ás persoas, etc.

24 may 2011

Camiñando pola vida



Este é un poema que fixen nunha tarde de reflexión. Cando me chegou a inspiración, collín papel e lapis e escribín esta obra.

Camiñando pola vida

Ás veces vou dar unha volta pola vida,
apetéceme.
A vida non é só ir dando alancadas,
hai que vivir cada minuto,
eu sinto cada minuto que vivo.
Vou percorrer un dos seus longos camiños.
Teño que poñer
os zapatos da liberdade,
a miña chaqueta da esperanza,
as miñas gafas de sol,
para ver todo con máis alegría.
E collo a miña búsola,
que marca os lugares onde todo é fermoso.
Malia que a situación sexa mala,
eu nunca me rindo,
afronto todos os perigos sen medo.
Porque sei que aínda que me pase algo,
vivín a vida ata o último minuto,
e non me arrepinto de nada do feito.
Son unha persoa altruísta
e teño a conciencia tranquila.
Xa estou canso de andar,
o meu camiño remata aquí,
así que, amigos,
este é o meu fin.

Tamara Allegue López

1 may 2011

O MADRIDISMO RESPIRA DE NOVO

¡¡O Real Madrid nas semifinais da Liga de Campións!!

NEREA RAMALLO. O pasado 5 de abril, o Madrid conseguiu unha gran vitoria fronte ó Tottenham na Liga de Campións. O primeiro gol chegou das botas de Emmanuel Adebayor, que conseguiu que o balón tocase a rede da porta de Tottenham nos cinco primeiros minutos do encontro.
Aos quince minutos do partido, un xogador do Tottenham foi expulsado do terreo do xogo, pero o Madrid, malia ir gañando e xogando cun home máis, non se conformou e seguiu loitando para marcar máis goles; así chegou outro gol de Adebayor.
O Madrid seguiu atacando moi ben e defendendo magnificamente, polo que Casillas case non tivo traballo en toda a noite. O equipo español seguía creando ocasións e dominaba o partido completamente, por iso chegou o gol de Di María, quen xa levaba uns partidos sen marcar.
Mourinho, contento do resultado que se estaba conseguindo, sacou a Kaká, que ía ser o que lle dera a Cristiano Ronaldo a asistencia de gol no minuto 87 de partido.
Ao remate, o Madrid conseguiu un 4-0 ben merecido e loitado, e agora terá que enfrontarse ao Barcelona, que vén de gañarlle 5-1 ao Shaktar, en semifinais, o que supón que teremos catro clásicos en dezaoito días: semifinais europeas, liga española e final da Copa do Rei.