14 mar 2012

Valentín Paz Andrade como escritor


A obra de Valentín Paz-Andrade é ampla en extensión: Poesía, narrativa, ensaios e multitude de colaboracións en numerosos medios de comunicación. Unhas das súas facetas máis destacadas era a de poeta e a de xornalista.

Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán ata 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Bos Aires) e o galego desde entón. Respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito, e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985). Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia, como A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982).

Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921); Pranto matricial (1954), na que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), na que canta á paisaxe e á xente galega, ademais de ao exilio e ao amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), obra na que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.

Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e nos xornais “El País e “La Vanguardia” con artigos económicos e políticos.



No hay comentarios: