21 ene 2011

Algo sobre Cunqueiro



Como este ano é o centenario do seu nacemento, contámosvos algo sobre el e DESPOIS TRABALLAREDES VÓS.
Cunqueiro foi un xenio da fabulación, precursor do realismo máxico, defensor da nosa lingua, retratista xenial de moitos personaxes tradicionais e unha dos voces poéticas e narrativas máis destacadas da nosa literatura.

Cunqueiro é coñecido por unha filosofía vital de home conversador, de verba e risa fácil, contador de historias e de fantasía desbordante.

Naceu en Mondoñedo, no ano 1911 e alí está a súa estatua hoxe en día, sentado na praza da Catedral.

Os seus inicios na literatura viñeron dados pola poesía. Antes da Guerra Civil, o creador de Mondoñedo xa tiña publicados tres libros de poemas en galego, obras intensas como Mar ao Norde (Santiago, 1932), Poemas do si e do non (Lugo, 1933) e Cantiga nova que se chama ribeira (Santiago, 1933), inspirado este último no estilo, nas formas e nos temas dos trobadores da Galicia medieval, dentro dunha vangarda que os de 4º ESO estades estudando nestes momentos... (Vai un positivo para quen nos comentarios desta entrada acerte co nome dese "ismo poético").

Despois da Guerra Civil, coma sempre, a vida dos autores galegos vai dar un cambio fundamental. Cunqueiro comeza a empregar o castelán xunto co galego como vehículo de literatura. Co castelán como arma gaña o premio Nadal en 1968 con Un hombre que se parecía a Orestes, unha das súas obras máis coñecidas a nivel español, ou Viajes y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca.

A súa obra en galego é interesantísima: iniciouse na narrativa con Merlín e familia (Vigo, 1955) á que seguirán As crónicas do Sochantre ou a exótica Si o vello Simbad volvese ás illas.

É un escritor de mitos: continuamente a súa obra remite ós vellos libros de cabaleirías da época medieval, ás lendas artúricas e do Santo Grial...

1 comentario:

jlg dijo...

Ben documentado, preciso pero sinxelo. Moi adecuado para os destinatarios, os alumnos.